📆 Festa dos Maios 1may'17

10h en Praza do Corgo, O Grove. Entrada libre. lunes 1 mayo 2017 

Festa dos Maios 

Actividades: Concurso de maios, Xogos populares, “Sons da Rúa” (organizado por Paradanda- Mecos)

A dos maios é unha festa cíclica e nela celébrase, fundamentalmente, a fertilidade,
tanto da terra coma do ser humano. A súa orixe e procedencia é descoñecida, pero
as coincidencias entre esta celebración e outras de Centroeuropa levou os estudosos
na materia a tentar explicala. Na súa orixe, que puidese estar no derradeiro período
do Neolítico da Prehistoria, o chamado Madaleniano, non se poñen de acordo os
distintos estudosos do tema, e mentres uns defenden o Celtismo, como por exemplo
José Filgueira Valverde, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Manuel
Murguía (aínda que este non desbotaba o culto á deusa romana da agricultura
Ceres); outros defenden a influencia do mundo clásico grecorromano, como Fermín
Bouza-Brey, Celso García de la Riega, Lois Tobío Campos e o etnomusicólogo J.
Inzenga.
A Igrexa (apoiada polas autoridades civís), como sucedeu con outras celebracións
pagás, tentou prohibir esta festa. Como non puideron suprimila pola súa fonda
arráigame popular, adaptárona ao calendario cristián. Os maios pasaron a ser a
celebración da Santa Cruz, e a Igrexa acabou convertendo maio (de moitas
celebracións pagás), no mes da virxe María.
En Galicia atópanse ata catro diferentes tipos de maios:
1.º Maios-ramos ou ramos de maio. Tense pola manifestación máis sinxela dos
maios e consistía en recitar cantigas tradicionais, e en agasallarlle cun ramo de flores
a quen daba un aguinaldo. Con seguridade facíanse en Queiroga (Lugo), Riós
(Ourense) e mesmo se practicaban moi preto de aquí, en concreto, en Cambados.
2.º Maios humanos ou viventes. Eran persoas, normalmente nenos, cubertas con
pólas e follas que adornaban con flores. Ás súas cantigas fáltalles crítica e
basicamente cantan a eclosión primaveral e piden a cambio maiolas (castañas).
Algúns deles rematan a súa vestimenta cunha cruz sobre a cabeza en sinal de
estaren cristianizados. Na man acostuman levar un pau para defenderse e non deixar
que lles rouben as maiolas outros nenos. Habíaos en Portomarín (onde aínda seguen
vivos) Santiago, Ribadeo, Viveiro, Monforte de Lemos, Porto do Son etc.
3.º Maios figurados. Diferéncianse dos outros en que o maio é unha figura,
normalmente, piramiforme ou coniforme. Hainos doutros tipos: coroas, cruces, caixas
(da froita adornadas e levadas por cativos) e os que imitan figuras humanas ou
construcións (destacan os de Ourense). A forma piramidal ou cónica levou os
investigadores a identificaren estas formas, cóncavas-convexas, co concepto do
principio e fin da vida. Os maios figurados fanse cunha estrutura de madeira
recuberta con fento, flores, ovos, laranxas etc.. Nos grandes maios cónicos, en que o
solista se introduce no maio para recitar, os rapaces dan voltas ao redor del cantando
as coplas e levando o ritmo cuns paus. Son os máis estendidos e celébranse en
Pontevedra (no seu museo hai coplas desde 1870), Ourense, Vilagarcía, Vilanova,
Poio etc. Os barcos de maio son maios figurados, pero diferéncianse destes en que
son pequenas embarcacións feitas de paus e cartóns e adornadas con bandeiriñas;
póñense nun carro e son tirados por nenos. Son de pobos mariñeiros, e noutros
tempos posiblemente se empregasen barcas auténticas. Hainos en Marín, Vilagarcía
etc.
4.º As maias. Facíanas as nenas nas cidades. Eran de dous tipos: pagás, nas que
non había nada relacionado co cristianismo (demostración da súa antigüidade), e
cristiás, que tamén facían uso das flores, pero as coplas, adornos etc. estaban
impregnadas do cristianismo. Adoitaban montar un altar nunha praza e solicitar
diñeiro para algún santo, ou percorrían as rúas cuns arcos florais recollendo os
aguinaldos

BASES
Poderán participar todas as asociacións culturais, colexios,
grupos, colectivos veciñais, entidades e persoas que o
desexen. Deberán inscribirse na Praza do Corgo entre as
10.30 e as 11.30 h do 1 de maio cubrindo unha solicitude,
que lle aportará o persoal do concello, co nome, NIF, teléfono,
correo electrónico e enderezo do representante.
Todos os maios participantes deberán presentarse ao xurado
antes das 11.40 h do 1 de maio na Praza do Corgo. O
concurso comezará ás 12.00 h e a partir dese intre non
poderán participar máis maios no concurso.
Haberá un xurado composto por persoas con coñecementos
na Festa dos Maios.
Un representante da comisión organizadora da festa actuará
como secretario –sen dereito a voto– e redactará a acta do
acordado.
O xurado poderá deixar deserto algún dos premios, se o
considera oportuno, e emitirá o seu ditame, que será
inapelable, coa suma das puntuacións dos seus membros.
Os membros do xurado, para emitir as súas puntuacións,
terán en conta os seguintes criterios:
A armazón dos maios tradicionais será de madeira e
só poderán quedar visibles os pés e as andas. A
coroa, no caso de presentarse, non deixará ver os
materiais da estrutura, e poderá presentarse como
remate do maio ou en estrutura aparte.
O emprego de produtos tradicionais na confección
dos maios: fiúncho, laranxas, cascas de ovos,
margaridas, calas etc. Penalizarase o uso de
materiais non tradicionais. Valorarase a uniformidade
do manto do fiúncho, a distribución dos adornos, a
composición das formas etc.
Nos maios artísticos as formas, tamaños, figuras, etc.
serán libres, pero os materiais empregados serán os
típicos dos maios.
Nas coplas, o xurado valorará a interpretación,
composición, ritmo, retranca e linguaxe utilizado.
Penalizarase o uso de palabras malsoantes e de
coplas non orixinais.
O emprego de instrumentos de acompañamento
típicos: palitroques ou estadullos.
A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

Publicar un comentario

[blogger]

MKRdezign

Formulario de contacto

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

Con la tecnología de Blogger.
Javascript DisablePlease Enable Javascript To See All Widget