HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO (22feb)

Domingo 12:30h, en Carril

O 24 de febreiro de 2015cumprense 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro, un día e un mes en que é preciso traballar, como o resto do ano mais de xeito máis intenso e planificado, para difundir unha obra e un pensamento con forte vixencia na actualidade e que pode coadxuvar a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego.

Lembremos que estamos a falar dunha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o galego, hoxe especialmente Rosalía de Castro é non só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas senón a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade de que fora desposuído. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento. A recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso de defensa da terra, da súa xente e dunha lingua que merce continuar a ser transmitida de xeración en xeración e ser utilizada en todos os ámbitos para contribuír, desde a súa especificidade, ao saber universal que tamén posúe a obra rosaliana.

Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural. Cómpre, pois, aproveitar a reivindicación desta data para estendela a un mes de febreiro de firme e inequívoco compromiso co idioma, sumando todos os esforzos posíbeis para continuar o camiño por ela iniciado para o galego se converter na lingua en que expresarmos todos os nosos sentimentos e emocións, en que desenvolvemos toda a nosa actividade profesional, en que achegamos o noso contributo á cultura universal.

Por todo isto, o BNG celebra a Homenaxe o domingo anterior ao 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, e así o vindeiro 22 de febreiro ás 12:30 h., terá lugar a homenaxe reivindicativa na súa lembranza, no busto de Rosalía que se atopa en Carril, Vilagarcía de Arousa.

O acto, presentado por María Villaronga, candidata do BNG a alcaldia de Vilagarcía de Arousa, será aberto ao público. Haberá actuacións musicais e lectura de diferentes poemas de Rosalía de Castro, así coma unha ofrenda floral, por iso o BNG de Vilagarcía de Arousa anima a calquera cidadá ou cidadán que así o desexe a sumarse á iniciativa.
 
Top