EXPOSICIÓN SOBRE ROSALÍA DE CASTRO (24feb-21mar)

Do 24 de febreiro ó 21 de marzo, de 9:00h-21:00h. Sábados 9:00h-14:00h, literatura na Biblioteca Municipal

A biblioteca celebra o Día de Rosalía cunha exposición que se prolongará ata o 21 de marzo, Día da Poesía

A Biblioteca Pública Municipal abre unha nova edición da exposición sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro coincidindo coa conmemoración da data do seu nacemento, en 1837. A mostra integra paneis informativos e unha selección de obras da poetisa galega e de críticas e estudos que outros autores realizaron sobre ela. A mostra ábrese o 24 de febreiro, Día de Rosalía, e péchase coincidindo coa celebración do Día da Poesía, o 21 de marzo

A parte informativa da mostra susténtanse en dous paneis que fan un percorrido pola vida e obra da escritora e que permanecerán expostos no vestíbulo da Casa da Cultura.

A mostra bibliográfica, situada no primeiro andar da biblioteca, componse de 109 títulos repartidos entre: obras completas, obra poética, obra en prosa, antoloxías, escolmas e publicacións sobre a súa vida, obra e pensamento. Destacar a edición de “Cantares Gallegos”, publicada pola editorial “Galí” en 1941 na que se reproduce a primeira edición de 1863, corrixida e revisada pola autora. Esta edición recolle a dedicatoria da autora a Fernán Caballero, o 17 de maio de 1863. Esta data foi elixida, pola Real Academia Galega, para instituír o Día das Letras Galegas que se celebra todos os anos, o 17 de maio.

A exposición conta cun tríptico informativo, que se adxunta, no que se relacionan as obras expostas, 109 títulos repartidos entre: obras completas, obra poética, obra en prosa. Na publicación tamén se especifica os títulos relacionados coa poetisa, que se incorporaron aos fondos da biblioteca Rosalía de Castro no último ano.

A exposición poderase visitar de luns a venres en horario ininterrompido de 9 a 21 horas, e os sábados, de 9 a 14 horas.

 
Top