As inscricións pódense facer ata o 31 de xullo nas oficinas de Fexdega

O TORNEO DE FÚTBOL PRAIA XOGARASE DO 18 AO 24 DE AGOSTO NA CONCHA

Os equipos poden ser masculinos ou mixtos e establécense tres categorías en función da idade dos xogadores

O XIX Torneo de Fútbol Praia que organiza a Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía desenvolverase do 18 ao 24 de agosto nos areais da Concha. En función das idades dos xogadores, establécense tres categorías que poderán ser masculinas ou mixtas. Os interesados deben anotarse na sede da Fundación, en Fexdega. O trámite poderá facerse ata o 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas.

O fútbol praia regresará polo verán aos areais da Concha e Compostela coa decimo novena edición do torneo que organiza a Fundación Municipal de Deportes.
A competición establécese en tres categorías nas que os equipos poden ser tanto masculinos como mixto Na categoría A poderán participar xogadores nados entre os anos 2007 e 2003, incluídos); na B do 2002 ao 200 e na C os nados en 1999 e anteriores.

Cada equipo deberá abonar unha cota de inscrición fixada en 9 euros para a categoría A, 18 para a B e 36 para a C. Esta última, tamén terá que depositar unha fianza de 36 euros que se lles será reintegrada ao final da competición de non terse producidos desperfectos nin tiveran tarxetas vermellas.

Descontos aos socios da Fundación

As cotas de participación veranse reducidas no caso de que os equipos integren a socios da Fundación municipal de Deportes. Á hora de formular a inscrición, cada aliñación deberá concretar o nome e DNI de cada xogador, aportando ademais o carné da Fundación de Deportes dos xogadores que dispoñan del. Aplicarase un desconto proporcional ao número de socios.

O torneo de fútbol praia desenvolverase no mes de agosto. As datas e calendarios fixaranse unha vez estea pechada a inscrición xa que dependerá do número de participantes.

O formulario de inscrición está pendurado no taboleiro de anuncios da web municipal e ao remate desta nova.

Fomentar o deporte e dinamizar as praias

O Torneo de Fútbol Praia ten dous obxectivos fundamentais: O primeiro é o de fomentar a práctica do deporte non profesional para todas as idades mediante a organización deste tipo de competicións abertas e, por outro, contribuír á dinamización dos areais de Vilagarcía, un amplo espazo de recreo apto para este tipo de actividades lúdicas e deportivas, ademais de para o baño.
 
Top