0
en Vilagarcía. Entrada? 

CANCELADO Teatro Curva España  


O novo traballo de Chévere está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, con dramaturxia e dirección de Xron. En escena tamén están Lucía Estévez e Leticia T. Blanco, que se ocupan da gravación e realización de vídeo en directo. Ademais, conta coa participación de Fidel Vázquez (iluminación), Óscar Villán e Iván Suárez (espazo gráfico), Xacobe Martínez Antelo (espazo sonoro), Renata Uzal (vestiario) e Inés Portela (produción).

Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso...). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario.

Coma outras veces, partimos dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos noventa anos. Recollemos in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizamos o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metémonos no local de ensaios para darlle forma teatral. Gústanos poñer a idea en movimento sabendo de onde partimos, pero sen saber exactamente a onde chegaremos.

CURVA ESPAÑA, a historia da curva na que se matou España

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.

Curva España é a traslación á escena dun deses documentais sobre casos sen resolver (true crime) que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, un thriller documental ou unha autoficción, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

Tatro Chévere

Organiza: Agadic

21mar
marzo 2020
🎭 escena




Publicar un comentario

 
Top